Malia que na propia empresa a nova foi acollida con satisfacción, semella que a maior parte da sociedade galega viu un sinal preocupante na pasada venda do 35% do capital da operadora R a unha multinacional inglesa. As razóns desta inquietude son moitas, e pasan unha boa parte delas polo medo á perda de postos de traballo e á desgaleguización dunha empresa que no eido produtivo do país ten unha importante cantidade simbólica. Co fin de que o traspaso definitivo dos activos da firma R a mans da dita multinacional CVC non se formalice (posto que unha parte da operadora aínda segue a ser galega), o Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha iniciativa no Parlamento para que o Goberno impulse a Lei de Caixas e, polo tanto, unha serie de regulamentos axeitados que impidan que Caixanova (propietaria desa porcentaxe de R que aínda é galega) se desfaga do que lle resta de accións da empresa.
Segundo se conta estes días na páxina web do BNG, o partido nacionalista considera que é preciso evitar que as caixas galegas leven a termo accións que acheguen transmisións de activos estratéxicos para o país. A iniciativa presentada polo Bloque (unha proposición non de Lei), insta ao Goberno a “defender e, no seu caso en exercicio das súas competencias, actuar para evitar que o proceso de reestruturación das caixas de aforro galegas leve aparellada unha redución dos seus activos e, polo tanto, da súa participación no tecido empresarial galego, especialmente nos sectores relevantes da economía galega” Ademais, a proposta abre a posibilidade proceder “a aprobar as normas de desenvolvemento regulamentario da Lei de Caixas de Galiza no que atinxe á acción relativa á tutela e protectorado da función económico-social e a súa contribución ao desenvolvemento económico do País”.
A proposición non de Lei sitúase tamén a prol de “exercer a tutela e supervisión daquelas operacións levadas a termo polas caixas de aforro galegas que impliquen a transmisión dos activos que posúen en empresas galegas en sectores estratéxicos para Galiza, consonte o espírito da Lei de Caixas de Galiza”.
O BNG presenta medidas para impedir a venda total do operador galego R
Compartir Este Artigo
