O festival galego Animacam.tv, orientado a recoñecer as mellores obras audiovisual sobre o Camiño de Santiago, contará os días vindeiros cun importante reforzo nos seus obxectivos de poñerse á vangarda do fenómeno fílmico-tecnolóxico da peregrinación. Falamos da presenza nos estudos galegos do director e produtor australiano de debuxos animados Damien Pascoe, responsable entre outras achegas do videoclip do seu paisano Tim Rogers e que segundo nos contan os nosos compañeiros de Animacam.tv (que xa pasaron previamente por esta web para presentar as diversas edicións do seu certame), estará na sede do certame dende xuño ata setembro. O seu obxectivo: animar unha curta de debuxos animados de distribución internacional. “Deste xeito”, informan, “o festival dá un paso de xigante nesta terceira edición para converterse, ademais de concurso, en plataforma de lanzamento de proxectos internacionais de animación”.
Cómpre lembrar que Animacam.tv é un certame posto en marcha dende Sandiás, en Ourense, co obxectivo de dar acubillo creativo e tecnolóxico a creadores, seareiros dos debuxos animados e peregrinos do Camiño de Santiago. A súa función é tripla: pór en competición os filmes que acheguen os devanditos colectivos dende tódolos recantos do mundo e cunha base común (a peregrinación, a viaxe), animar aos novos creadores á consecución dos seus proxectos e fornecer aos internautas-viaxeiros dunha fototeca e videoteca virtual sobre o Camiño.
Antecedentes
· A primeira edición de Animacam.tv, de xullo a outubro de 2008, foi visitada por 75.000 internautas e saldouse coa participación nas seccións competitivas de 164 películas de animación procedentes de 33 países.
· A segunda convocatoria superou as 168.000 visitas. A Sección Oficial do festival amosou 313 obras de animación procedentes de 61 países dos cincos continentes e votaron as mesmas usuarios rexistrados de 102 países. Na Sección Paralela (O Camiño) foron presentados 138 vídeos e 212 fotografías de 14 países sobre as vivencias, anécdotas e experiencias da peregrinación a Compostela.
· A acabada de estrear terceira edición dispón xa de 45 filmes de 17 países na súa Sección Oficial e na Paralela (O Camiño) de 20 vídeos.
· Detrás do festival está Limaia Producións, produtora con sede en Sandiás que busca con este certame consolidarse como punto de encontro entre creadores de debuxos animados e internautas de todo o mundo.
O festival galego Animacam.tv dará acubillo ao novo traballo do animador Damien Pascoe
Compartir Este Artigo
