O equipo de localización á lingua galega do sistema operativo libre Ubuntu vén de informar dun importante logro en materia de adaptación ao noso idioma de programas de software libre desenvolvidos pola comunidade internacional de usuarios. Máis polo miúdo, trátase de ter acadado o máis alto nivel de localización da dita plataforma dende o intre en que comezou a súa andaina, concretamente o posto 17 da listaxe de idiomas de Ubuntu, por diante das achegas da comunidade catalá e só a tres postos da portuguesa. Segundo se conta en Mancomun reflectindo os datos achegados polo equipo galego, os logros do equipo da nosa terra supoñen un avance de tres postos na dita clasificación ao longo deste ano 2010, xa que o galego ocupaba o posto número 20 cando se publicou a Ubuntu 9.04, e que, de seguir este excelente ritmo, dentro dun ano sería posible estar entre os 15 primeiros idiomas con maior nivel de tradución de Ubuntu.
Entre outras cousas, isto significa que en virtude do salientable traballo da dita comunidade galega, a futura distribución LTS 10.04 de Ubuntu será a que máis traducida vai estar á nosa lingua (en máis do 65%), ao que se engade o feito de ter posto en xogo a meirande calidade, informa Mancomún. Máis polo miúdo, os esforzos máis recentes do noso equipo foron encamiñados a mellorar, sobre todo, a supervisión, corrección, control de coherencia terminolóxica e de estilo e coordinación cos equipos de traducións dos distintos proxectos, aplicativos ou escritorios, que conforman Ubuntu. Dende Mancomún e a propia comunidade de localización de Ubuntu animan aos internautas galegos a unirse á iniciativa.
Sube o galego na clasificación de idiomas de Ubuntu
Compartir Este Artigo
