Despois de nove anos no mercado, o xornal Entre Mayores, unha publicación especializada nas persoas maiores, nos profesionais e nas empresas do sector, vén de dar o salto á Rede, e acaba de lanzar un xornal en liña no que á información tradicional se lle engaden novos contidos en liña cos que os protagonistas poden interactuar entre eles e atopar información de utilidade para mellorar a súa calidade de vida.
Trátase dun novo soporte que, segundo apuntan os seus responsables, “permitirá ofrecer un maior volume de información, abrir un espazo para o debate e a análise, e interactuar cos usuarios, facéndoos partícipes de todo o que sucede”.
Diversas seccións e apartados darán cabida a novas, entrevistas e reportaxes para desgranar a información empresarial, a relacionada co turismo e co ocio, co envellecemento activo, coa dependencia, coa actualidade sanitaria… e contará, como non podía ser doutra maneira, cun espazo en liña onde as persoas maiores serán as protagonistas, coas súas historias vitais e as súas experiencias.
Un portal que, dado o envellecemento da nosa poboación, se convirte nunha ferramenta de utilidade que lle abre todo un mundo de posibilidades ás persoas máis vellas do noso entorno e que, como internautas novatos que son, lles permite ir adentrándose paseniñamente na Rede e nas posibilidades que esta lles ofrece.
O xornal Entre Mayores dá o salto a Internet
Compartir Este Artigo

