A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET) está a apostar forte polas posibilidades que o sector amosa no que atinxe á contratación de persoal. Segundo informa a plataforma nun comunicado, ao longo dos primeiros seis meses de actividade da súa bolsa de emprego en liña xa foi posible xestionar ao seu abeiro máis de 30 ofertas de emprego xeradas no sector das TIC. A demanda, en contra do que se podería pensar, non só se centrou en perfís técnicos vinculados á enxeñería de informática e telecomunicacións, senón tamén nun eido profesional máis achegado ás humanidades e mesmo á filoloxía (ámbito no se inclúen os labores de tradución, cada vez máis precisos nas redes do coñecemento).
Todo isto, sinala EGANET, amosa a alta mobilidade laboral e o requirimento de persoal cualificado por parte do sector, “malia que as empresas TIC tamén se resenten da actual conxuntura de crise que motiva o retraemento da actividade de contratación”, engade.
Entre os postos ofertados a través da bolsa de emprego, accesible na web de EGANET, cómpre salientar o de responsable de proxectos, dirixido a titulados en Telecomunicacións, Informática ou Ciencias Empresariais e Económicas, e os de programador e analista de sistemas, vinculados a titulacións de Enxeñaría Informática. No entanto, tal e como se sinalou ao principio deste texto, o sector demanda un abano de profesionais máis amplo có das carreiras técnicas, “dado que pola tipoloxía de proxectos de desenvolve precisa de expertos en comunicación, lingüística, pedagoxía, tradución, arte e deseño, entre outros, perfís profesionais máis correspondentes a titulacións da área de humanidades”, puntualízase.
A bolsa de emprego de EGANET, que terá prolongación a medio e longo prazo (dando resposta ás ofertas puntuais das empresas), conta neste intre con preto de 200 currículos dispoñibles para consulta entre as 55 empresas que integran a plataforma.
Co fin de dar resposta á importante demanda laboral do eido galego das TIC, EGANET puxo en marcha dous programas de contratación nos dous últimos anos, programas que deron como resultado a selección de 36 profesionais co perfil de asesor comercial TIC para a súa inserción en 23 empresas, máis 20 responsables de proxectos que pasaron a formar parte doutras 14 firmas. “Dada a boa acollida da bolsa de emprego e a súa utilidade demostrada”, sinálase dende a organización, está previsto que en breve se amplíen as súas posibilidades, “cunha maior organización dos currículos por perfís profesionais e co seu achegamento aos servizos de colocación públicos e privados”.
A bolsa de traballo en liña de EGANET xa xestionou 30 ofertas de emprego
Compartir Este Artigo
