Panda Security, empresa especializada en solucións de seguridade baseadas no potencial da tecnoloxía Cloud Computing, vén de avisar que máis do 55 por cento dos ordenadores dos usuarios que botaron man dos seus produtos para protexerse á hora de navegar pola Rede (en concreto o 56,03 por cento), “estaban infectados con algún tipo de malware”.
De feito, a entidade afirma que “España sitúase no oitavo posto no ranking mundial de PCs infectados”, un ranking que encabeza Taiwán cun 66,23 por cento de ordenadores con malware e virus.
Para isto, Panda presenta o seu antivirus en liña e de balde, Panda ActiveScan, que analiza e desinfecta dende o que eles califican como “a nube” e que aproveita todo o coñecemento almacenado grazas á “intelixencia colectiva”, o que o dota dunha meirande capacidade de detección.
Asemade, a compañía fundada en 1990, vén de anunciar que aqueles clientes que compren algún produto da firma en calquera tenda durante os meses de abril, maio e xuño, recibirán o mesmo número de licenzas do produto adquirido en retailers, sempre e cando a Selección Española gañe o Mundial de Sudáfrica 2010.
Pero isto non é todo, ademais, as persoas usuarias que adquiran calquera das solucións no mesmo periodo (Panda Antivirus for Netbooks, Panda Antivirus Pro 2010, Panda Internet Security 2010 ou Panda Global Protection 2010), recibirán de balde un balón de fútbol conmemorativo do Mundial, así como unha aplicación para o PC onde poderán seguir as evolucións do mesmo, de maneira segura.
Esta orixinal e divertida promoción ten como finalidade, segundo afirma o director de Consumo da compañía, Javier Gómez, “achegar a firma ao gran público ao tempo que se apoia o deporte como se viña facendo en anos anteriores”.
Panda regala produtos do Mundial 2010 coas súas solucións de seguridade
Compartir Este Artigo

