Acadar a plena comunicación dixital en galego por parte de institucións e empresas que desenvolven a súa actividade na nosa terra segue a ser unha loita constante. O problema, que é previo á Internet mesma (a teima de escorárense cara a comunicación uniforme), chega a niveis preocupantes se cando do que falamos é de empresas que non só teñen unha boa carteira de clientes galegos, senón que de xeito paralelo asinan convenios coas nosas institucións para defender o uso da nosa lingua. É o caso de Tele2, unha firma que pertence ao grupo Vodafone e que segundo contan os compañeiros da CiberIrmandade da Fala semella manter gardado baixo chave o acordo asinado en 2008 coa Secretaría Xeral de Política Lingüística co fin de comprometerse a traballar pola difusión da nosa lingua no eido TIC. Pois ben, todo apunta a que raramente se chegou a abrir o caixón onde se garda o convenio.
Este acordo, sinala o colectivo galego, ía dirixido a incrementar o número de terminais móbiles con menús na nosa lingua e facilitar a comunicación no noso idioma entre as operadoras e os clientes galegos. E proseguen dende a CiberIrmandade: “Semella que a seriedade non forma parte da política desta empresa xa que nin no contorno web da súa páxina nin da comunicación directa cos seus clientes ofrecen sinais do máis mínimo interese por empregar a lingua galega”. Co fin de facerlles ver a postura das usuarias e os usuarios do noso país, a CiberIrmandade, como de costume, xa puxo a disposición das/os internautas un prego de queixa e de solicitude de inclusión da noso idioma.
A CiberIrmandade critica o desleixo de Tele2 cara ao galego
Compartir Este Artigo
