O Bloque Nacionalista Galego pediulle á Xunta que dese conta dun informe completo sobre o estado actual do despregue da TDT na xeografía do país, facendo especial fincapé na súa cobertura e se esta chega xa á meirande porcentaxe de territorio posible. A demanda motivou o recoñecemento por parte do Goberno galego de que o proceso aínda non puído ser rematado. De feito, sinalou a Xunta, arestora aínda se están a implantar microemisores en varios concellos galegos, sobre todo na montaña de Lugo que é, por características de orografía e accesibilidade, un dos emprazamentos que máis dificultades achega para a boa marcha do proceso.
A xuízo do BNG, isto “pon de manifesto que non se están a cumprir os compromisos e que non se rematou co despregue da TDT”.
A Xunta aproveitou para lembrar que o seu obxectivo é chegar a unha cobertura do 99% da poboación, proceso para o que será necesario dispoñer de 4.000 receptores por satélites para aquelas áreas a onde non chegue a TDT convencional (zonas en sombra), tal e como se reflectiu hai uns días nesta mesma web. Nese senso, sinálase dende o Goberno galego, publicarase a semana vindeira unha orde de axudas para compra destes equipos. Para o BNG, sería importante e positivo que este programa de axudas se coordinase co Ministerio de Industria.
O BNG demanda máis esforzo no despregue da TDT
Compartir Este Artigo
