Fotograma de Kes, un dos filmes máis memorables do director británicoKen Loach semella querer aplicar na Rede unha boa parte do ideario amosado ao longo da súa extensa filmografía, que comezou en 1967 con Poor Cow e que confirmou o seu compromiso social (e a súa gran calidade) cun segundo filme, Kes (1969), que segue a ser unha das máis solidarias olladas cara a nenez marxinada das que se ten constancia no cinema. Pois ben, segundo nos conta estes días Vieiros facéndose eco de información emitida pola produtora Sixteen Films, a filmografía do autor británico vai facer gala na Internet de semellante espírito solidario, sobre todo con aqueles seareiros que non teñen os recursos necesarios para facerse cos seus filmes. Máis polo miúdo, trátase de habilitar as súas películas no YouTube co fin de que os internautas poidan velas de balde; así o fixo saber a dita produtora, quen logo dun acordo coa canle de vídeos xa dispón dun espazo propio de seu: KenLoachFilms. O espazo en cuestión, amais de ofrecer acceso a algúns dos seus éxitos máis recentes (como Fond Kiss), tamén servirá (precisamente) como atopadoiro das achegas máis inaccesibles da súa filmografía, sobre todo os seus primeiros traballos (nin sequera editados en DVD), como o devandito Kes ou mesmo Cathy Come Home, docudrama de 1966 que relata a vida dunha parella en loita constante contra o paro e a pobreza.