Xa hai edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre que cada ano organiza a empresa galega Igalia. O galardón, que conta co patrocinio do centro nacional de aplicación de programas abertos (CENATIC), ten por obxectivo pór de relevo ao software libre como ferramenta de primeira orde para o desenvolvemento de toda índole, profesional, empresarial, social, administrativo, etc. O premio, que vai xa pola súa cuarta edición, diríxese a estudantes das universidades galegas. Deste xeito, conta co apoio das tres institucións educativas superiores do noso país, que xunto con CENATIC ven neste concurso unha oportunidade inmellorable para que os participantes no mesmo se acheguen á realidade das empresas, máis polo miúdo ás que leven a cabo proxectos de software libre, cada vez máis abondosas no sector tecnolóxico-dixital.
Para os organizadores, trátase dun certame que tamén é un investimento, en boa medida porque achega beneficios a medio e longo prazo para a sociedade galega e para o resto das comunidades.
Na súa feitura, o premio xorde da existencia do Proxecto Fin de Carreira existente en cada plano de estudos das nosas facultades, elemento clave de formación que constitúe para moitos estudantes o limiar do mercado laboral. Tendo en conta isto, o dito galardón diríxese a fomentar o coñecemento e a participación das universitarias e universitarios do noso país en iniciativas de código aberto, mellorándose a súa capacitación no eido profesional do software libre e achegándoselles máis vantaxes competitivas á hora de enfrontarse ao mercado laboral.
A coordinación do certame corre a cargo de Igalia, firma galega que xa conta cunha ampla experiencia en materia de pulo á programación aberta (da que o dito premio e o Máster en Software Libre son dous bos exemplos) e que se caracteriza por facer xirar unha boa parte da súa estratexia de negocio arredor do desenvolvemento de tecnoloxía en comunidades de software libre.
Igalia anuncia a nova edición do seu galardón á mellor iniciativa de fin de carreira con software libre
Compartir Este Artigo
