A manifestación a prol da lingua celebrada en Santiago o pasado luns segue a ter repercusión na Rede, sobre todo no que se refire á achega continua de novos puntos de vista sobre o acontecido. Entre as informacións máis completas ás que podemos ter acceso estes días sobre a mobilización, que coincidiu de xeito significativo co día 17 de maio (Día das nosas Letras), sen dúbida cómpre salientar a de Vieiros, que ofrece na Web un bo número de vídeos sobre a multitudinaria cita (100.000 persoas segundo o equipo da organización, 20.000 segundo as autoridades e xornais como La Voz) e unha máis que completa relación do seguimento que a protesta tivo no blogomillo e nos medios en liña que apostan polo galego. Mesmo se nos recorda que os puntos de vista máis afíns á defensa da lingua non sempre están dentro da nosa xeografía, e que ás veces hai que procuralos fóra, é o caso do xornal catalán Nationalia.
Con todo, a repercusión na Rede da festa do 17 en Compostela non rematou aí.
Entre os seguimentos máis salientables cómpre nomear o da plataforma Galiza co Galego (que participou nos actos do luns e que ofrece estes días unha completa crónica do acontecido), o de Xornal.com (que quixo centrar unha boa parte dos seus esforzos en cubrir informativamente tódalas frontes da xuntanza, incluíndo consecuencias políticas, crónica en imaxes e unha longa listaxe de artigos de opinión entre as que se contan columnas de Mar Barcón ou de Rafael Cuíña), o da canle Radiodifusión (que achega estes días unha completa reportaxe de vídeo con música de Quempallou) ou o de GaliciaConfidencial (que dedica un estudo a contrastar con imaxes as estimacións dos medios arredor da protesta).
Importantes tamén os seguimentos feitos dende a web do Consello da Cultura Galega, dende Galicia Hoxe (que valora a festa do 17 como a máis reivindicativa de todas as convocadas), dende GZNación (onde se ofrece un interesante álbum en liña de fotos) ou dende A Nosa Terra (que se centra estes días na repercusión política da protesta e máis na protesta mesma). Asemade, na comunidade informativa de Chuza! abrollaron estes días múltiples xanelas ás consecuencias en liña que tivo a mobilización do luns, como por exemplo esta visión da festa das Letras achegada dende Bruxelas ou estoutra reflexión da Coordinadora Galega de ENDL sobre o que achegaría a recesión do galego nas escolas no caso de prosperar as medidas postas en marcha polo actual Goberno da Xunta.
Proseguen na Rede galega os partes informativos sobre a protesta a prol da lingua do pasado luns
Compartir Este Artigo
