A longametraxe Todos vós sodes capitáns, do cineasta galego Oliver Laxe, vén de acadar en Cannes o premio de FIPRESCI, a Federación Internacional da Crítica de Cine, dentro da sección da Quincena de realizadores do prestixioso festival de cine.
Trátase dun film rodado en 35 mm e en branco e negro, que narra a historia dun director de cine europeo que realiza unha película cos nenos dun centro social de Tanger.
A película, elaborada durante un ano e medio, custou só 30.000 euros, sendo producida e montada polo propio director.
O presidente da Xunta de Galicia felicitou a Oliver Laxe polo seu traballo e agradeceulle que contribúa a situar o nome de Galicia no ámbito audiovisual. Neste sentido, o titular da Xunta lembrou tamén o éxito doutras producións como Celda 211.
A película de Oliver Laxe, que foi presentada a inicios da pasada semana no festival, contou co apoio da Xunta de Galicia, por unha parte, na súa produción a través da Axencia Galega de Industriais Culturais, e por outra, na súa presenza en Cannes, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia.
Cómpre destacar que, por primeira vez, unha produción galega resultou seleccionada nesta categoría, que só foron elixidos 24 de máis de 2.000 traballos e que nas últimas dúas edicións non houbo ningunha película española presente neste certame.
Na imaxe, o autor da longametraxe, Oliver Laxe, e do xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla, na presentación, o pasado mércores en Cannes, deste traballo.
O film galego Todos vós sodes capitáns resultou premiado en Cannes
Compartir Este Artigo

