O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria do programa Rutas Científicas, que promove a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co Ministerio de Educación, para levar aos estudantes galegos de viaxe por distintos roteiros de España e adentralos no mundo da ciencia.
En total, serán preto de 100 estudantes provintes dos institutos de bacharelato e ciclos formativos de grao medio do noso país os que se poderán beneficiar desta iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro de 2010.
As persoas beneficiarias das axudas viaxarán en grupos a un dos catro destinos de roteiros, en Aragón, Illas Baleares, Castela e León e a Comunidade Valenciana.
O obxectivo do programa Rutas Científicas é facilitarlle ao alumnado a posibilidade de realizar múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, ao tempo que se fomenta a convivencia e cooperación.
Todo isto, segundo informan dende a Consellaría, “repercute nunha mellor comprensión integral dos rapaces e rapazas, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos”.
Os candidatos e candidatas a obter as axudas deberán ter menos de 20 anos, e estar a cursar materias científicas en bacharelato ou ciclos de grao medio en centros públicos galegos. Os grupos de viaxe estarán formados por 24 rapaces e rapazas e 2 docentes, estes últimos responsables da axeitada participación na actividade por parte do alumnado.
Cada grupo percorrerá unha das Rutas Científicas ao longo dunha semana, durante a que elaborarán un caderno diario da viaxe, que será entregado á Consellería de Educación como xustificante do aproveitamento da estadía.
O programa contempla catro itinerarios con contidos diferentes dependendo do destino que toque a cada grupo. Así, as persoas que viaxen a Aragón realizarán un tipo de actividades distintas das que lle toquen aos que vaian a Castela e León, Valencia ou Illas Baleares; todas elas con igual atractivo e interese para os estudantes.
Coa convocatoria destas axudas a Consellería de Educación quere fomentar o interese dos estudantes polas ciencias, así como facilitarlles o contacto directo con outras zonas e culturas do territorio español.
Preto de 100 estudantes galegos participarán no programa Rutas Científicas
Compartir Este Artigo

