O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e Orange España presentaron na Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información o Estudo sobre seguridade e privacidade no uso dos servizos móbiles polos menores españois elaborado conxuntamente por ambas as dúas entidades no que achegan un diagnóstico bastante atinado sobre o emprego actual do móbil entre nenos e adolescentes españois de entre 10 e 16 anos.
Segundo o mesmo, os pais e nais españois séntense máis seguros sabendo que os seus fillos levan un teléfono móbil para poder localizalos cando están fora da casa.
Esta é unha das conclusións ás que se chega no informe, elaborado a partir de 644 enquisas persoais realizadas a menores e a pais ou titores de 322 fogares españois, ademais das achegas de 55 expertos na materia, que revela que a idade de inicio á telefonía móbil entre os nenos se sitúa hoxe en día entre os 10 e os 12 anos, en liña con outros países europeos.
Na análise das motivacións respecto do acceso dos menores á tecnoloxía móbil está precisamente a posibilidade que proporciona aos seus pais “o feito de telos localizados”, aspecto que recoñecen a gran maioría dos nenos entrevistados (90,7 por cento) e os seus proxenitores (88,5 por cento). É interesante destacar que ter o neno mellor localizado non impide que os menores consideren que dispoñer dun móbil outórgalles máis independencia e privacidade nas súas relacións persoais. É máis, o 69,6 por cento dos nenos pensan que “ter un móbil lles concede máis autonomía”.
Así, como sinala Fernando Ballestero, secretario xeral de Orange España, “no estudo consideráronse 4 factores que contribúen ao acceso á telefonía móbil polos nenos e adolescentes: o teléfono móbil como símbolo de iniciación á adolescencia, como ferramenta para tranquilizar os pais, como ferramenta de protección do menor e, finalmente, como instrumento de integración co ámbito de iguais”.
Estudan as vantaxes do uso do móbil por parte dos menores
Compartir Este Artigo

