Finalmente, a edición galega do Premio Emprendedor XXI foi dar ao sector das novas tecnoloxías da información. Máis polo miúdo á empresa Imatia, da que xa temos falado nesta mesma web co fin de dar conta (entre outros) dos seus servizos en materia de intercambio de datos dixitais entre os concellos. A firma, con sede no Porriño e na Coruña, resultou a gañadora da fase autonómica da cuarta convocatoria dos ditos premios, promovidos e organizados por La Caixa, ENISA (Ministerio de Industria) e a Confederación de Empresarios de Galicia (cuxa sede serviu de escenario para a entrega de premios). Cómpre sinalar que Imatia centra unha boa parte da súa actividade no deseño de ferramentas informáticas que melloren a produtividade do desenvolvemento de software, tecnoloxías que achegan solucións a clientes finais e tamén a outras empresas empregando modelos de alianzas.
A compañía galega recibiu en base ao devandito galardón unha contía de 10.000 euros, ademais dunha bolsa para participar no curso Ignite Fast Tracking Innovation da Universidade de Cambridge. Asemade, favoreceráselle así a asistencia a un dos principais polos de innovación do mundo, onde “poderán contactar con multinacionais e coñecer directamente oportunidades de negocio, colaboración e innovación”, informa La Caixa nun comunicado. Sinalar tamén o bo papel no mercado galego despregado polas outras dúas empresas finalistas no certame, Bit Oceans (da que tamén temos falado, e con motivo de ter recibido o premio á innovación da USC) e Sinais. A primeira ten como eido de traballo o desenvolvemento de solucións dirixidas a evitar o fraude documental e a segunda o deseño de sistemas de monitorización en continuo para o mantemento de parques eólicos.
Imatia faise co Premio EmprendendorXXI en Galicia
Compartir Este Artigo
