Seguimos a dar conta dos detalles da primeira edición do Foro Galego de Cloud, logo de informar dende esta web das achegas de Fujitsu e outras das empresas presentes no encontro celebrado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago. Segundo informa Ozona, a firma organizadora desta xuntanza sobre computación na nube, o foro reuniu en Compostela a máis de 200 profesionais e empresarios do noso país, todos eles en maior ou menor medida á procura de información sobre o cloud computing e as vantaxes para as súas iniciativas: flexibilidade, escalabilidade e aforro de custes na xestión e noutros labores propios dunha empresa (tarefas que se poden facer xa a través dos servizos na Rede, evitándose o investimento extra en hardware).
O foro, que contou co apoio da Xunta e de asociacións TIC como Ineo, desenvolveuse co obxectivo de amosar, dende un punto de vista teorico-práctico, a realidade actual da computación na nube perante o sector produtivo galego. “O mundo cloud”, comentou Marcos Paredes de Ozona Consulting, “é totalmente flexible, xa que se consume o que se precisa e se paga por aquilo que se consume”.
Ao seu xuízo, o eido da computación na nube é un eido de confianza, tanto a que deben ter as empresas como as que ofrecen xa os fabricantes e os integradores.
O foro contou con importantes avais deste tipo de servizos en rede, como por exemplo o da empresa VMware, que a través de Víctor Ramón (reseller manager da compañía en España), amosou as vantaxes do cloud computing para o intre en que as firmas asuman un reto que a día de hoxe constitúe un paso inevitable no seu medre: o reto de responder ás necesidades de negocio de xeito rápido e xustificar os custes dos departamentos.
Pola súa parte, Isidro Fernández de la Calle, xerente de Marketing de Empresas de R, sinalou no foro que as empresas que levan a cabo unha integración e converxencia na nube maximizan a produtividade e máis o aforro. Na mesma liña de opinión amosouse Javier Barea, enxeñeiro de sistemas de NetApp, quen salientou estas prácticas como un “modelo de negocio rendible, con eficacia na xestión e automatización de tarefas, eficacia en custes e rapidez de resposta perante un determinado problema”.
O Foro Galego de Cloud reuniu en Compostela a máis de 200 profesionais e empresarios
Compartir Este Artigo
