O certame Revela vén de someter á súa face web a unha completa remodelación no que a facilidades de uso e funcionalidades se refire. A intención dos organizadores deste concurso de fotografía que promove o Concello de Oleiros foi de tirar proveito do xa existente, o dominio revelaoleiros.org, para afirmar coas novas tendencias da Internet o carácter universal do certame e, tamén, do fenómeno fotográfico actual, un dos grandes piares da Rede participativa. O novo portal preséntase deste xeito como “interactivo” e “máis accesible”, ao tempo que incrementa as posibilidades de descarga (todo tipo de ficheiros relacionados co Foro Internacional de Fotografía e cos seus certames) e de consulta de información ligada a anteriores convocatorias.
O redeseño, que de xeito paradoxal remodélase botando man dalgunhas das imaxes máis salientables das distintas mostras do Foro, achégase en tres linguas: galego, inglés e castelán.
Entre as novidades máis salientables que presenta inclúese unha galería (a través da que se pode ver de preto unha manchea de instantáneas de tódalas edicións da mostra) e un espazo multimedia que incorpora (entre outras cousas) vídeos sobre a xuntanza. Tamén se achega a posibilidade de consultar toda a información de Revela na escola e ver parte dos traballos gañadores nas anteriores entregas. A todo isto cómpre engadir a posta en marcha dun espazo de uso para xornalistas, achegándoselles un hemerográfico para baixar ou consultar notas de prensa, comunicados recentes ou cortes de audio. Asemade, o novo portal tamén dá acubillo á posibilidade adquirir en liña os catálogos das distintas edicións de Revela.
Cómpre sinalar que o foro é unha iniciativa do Concello de Oleiros que conta co apoio da Fundación María José Jove e da Deputación da Coruña.
Nova web interactiva para Revela, o foro internacional de fotografía de Oleiros
Compartir Este Artigo
