
“Este tipo de conflitos”, informa Gradiant, “ameaza a continuidade de servizos moi útiles da cloud computing ao poñer en perigo a confianza do usuario”.
Deste xeito, engade, a computación na nube (que é a evolución natural da Internet e que consiste na achega de servizos de xestión de coñecemento o máis accesibles e inmediatos posible), corre o risco de deixar unha boa parte do seu seo ao descuberto. Porén, casos como o de Google serían de maneira doada evitables “con solucións que protexan a confidencialidade e sen que por isto resulten incómodas ou lles dificulten o acceso a usuarios non expertos”. Nesta liña, engade o centro, é onde se insire unha das súas principais áreas de traballo: unha serie de tecnoloxías dirixidas a protexer a privacidade en contornos que, coma o Cloud, aínda non poden ser catalogados de “confiables”.
A esta achega do centro con sede en Vigo, cómpre engadir as solucións para poder procesar eses datos de forma cifrada. Así nolo explica Juan Troncoso, investigador da Universidade de Vigo, dende Gradiant: “A tecnoloxía que desenvolvemos non se limita a almacenar e transmitir os datos cifrados, senón que vai un paso alén disto e tamén permite que o provedor, Google neste caso, traballe cos datos, sempre cifrados, sen ter acceso a eles”. E engaden, sobre a salvargada que se achega: “Isto supón un beneficio mutuo para ámbalas dúas partes, pois se manteñen as vantaxes e as funcionalidades dos servizos Cloud ao tempo que se lle engade ao cliente unha garantía de privacidade, tendo este un control total sobre o que se pode facer coa súa información”.
Sobre a materialización destes obxectivos, cómpre aclarar que Gradiant xa deseñou unha solución para traballar con documentos de texto na nube de Google. Mediante un sinxelo plug-in que calquera pode instalar no navegador, infórmase dende o centro, os documentos de cada quen aparecerán cifrados no servidor da empresa que provea o servizo, pero cen por cen visibles para o usuario “lexítimo”.Todo isto non impide que se poidan compartir eses documentos, a única diferenza é que terá que ser previa autorización (empregando unha clave subministrada ás persoas de confianza co fin de que poidan ver os documentos sen cifrar).
Arestora, o centro galego está a deseñar tamén solucións para outras ferramentas de uso na nube, que posibiliten traballar con follas de cálculo e bases de datos protexidas no eido cloud, e sen que ninguén máis que os usuarios autorizados teña acceso ao seu miolo.
O centro galego Gradiant desenvolve ferramentas eficaces para protexer os nosos datos na nube
Compartir Este Artigo
