
A proposta, que ten o seu xermolo na Universidade da Coruña (se cadra a que menos taxa de galego falantes ten), foi rapidamente asumida polas de Santiago e Vigo, todas elas baixo o lema En galego tamén se fai ciencia, un epígrafe que fala por si só.
A campaña foi presentada este mesmo luns polo reitor da UDC, José María Barja, nun acto oficial no que tamén estiveron presentes a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodejo, mailo vicerreitor da UVigo, Iván Area.
O alicerce da iniciativa conxunta, como dixemos máis arriba, é practicamente o mesmo có de calquera outra plataforma de promoción da lingua: tirar abaixo prexuízos. A diferenza, neste caso, radica en que os mitos se atopan no eido científico, ámbito que por contar con potencial de medre futuro e cunhas importantes ligazóns coa comunidade internacional presenta un salientable interese para a promoción da nosa cultura. Así se expresou sobre este punto Xabier Alcalá, escritor galego e, en calidade de profesor da UDC e promotor da lingua, presente no acto de sinatura: “Nas aulas non me molesto en falar castelán porque entendo que o castelán é galego oriental cualificado e mozarabizado e, polo tanto, debe ser obriga de casteláns cultos coñecer o galego”. Por certo que a proposta conxunta veu acompañada dun vídeo no que científicos galegos de todo o mundo amosan a súa adhesión á campaña, salientando os valores da nosa lingua como canle de comunicación investigadora: permítenos estar en contacto coa cultura propia, reforza a súa nosa capacidade de compresión (a máis idiomas que dominemos, meirande é) e ábrenos portas para a colaboración directa cos investigadores portugueses.
As universidades unen forzas para tirar abaixo a crenza de que o galego non serve para o eido investigador
Compartir Este Artigo
