O grupo de investigación Gist-Idega da Universidade de Santiago, responsable entre outras achegas tecnolóxicas da posta en marcha da iniciativa granxafamiliar.com (onde pequenas explotacións do noso rural promoven e venden os seus produtos), déulle os días pasados o pulo definitivo a unha nova proposta dixital que relanza na comunidade internauta todo o que ten que ver co noso mellor turismo: o que só se pode atopar aquí. A iniciativa galiciaautentica.org, deseñada e posta en marcha coa Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar, leva meses afianzando o camiño a transitar, e así o fixemos saber hai meses neste mesmo medio; a novidade radica neste seu impulso definitivo. Como o seu propio nome indica, a web vai dirixida a facer entender que o turismo galego ten identidade de seu (paisaxe, costumes, tradicións, gastronomía), e que non consiste en achegar complexos, urbanizacións e ofertas que veñen de outras áreas.
Para ir abríndose camiño, a web promove unha serie de rutas etnográficas que son “unha visión alternativa do noso medio rural”, informan os responsables. A web non se concibe soa: xorde como complemento turístico de granxafamiliar.com, as dúas “unha expresión cultural de compromiso co desenvolvemento sostible no medio galego non urbano”.
Segundo informaron o mes pasado os membros do grupo da USC e se veñen de facer eco medios como a web de Emprendia, os contidos da páxina teñen o seu xermolo na colaboración entre técnicos e investigadores do Gist-Idega e arredor de trinta familias do rural galego, co-responsables xa do desenvolvemento de Granxafamiliar. A páxina xorde así como unha estreita colaboración entre quen recibe, ordena e lle dá forma ao coñecemento (os técnicos) e quen o achega (a veciñanza do noso contorno non urbano), favorecéndose deste xeito dous puntos fundamentais: a utilidade e a veracidade do que se ofrece.
Respecto á feitura dos contidos e a súa presentación dicir que se optou por todo tipo de linguaxes, mesmo polo audiovisual e o gráfico. Isto en concreto é froito do traballo de seis investigadores do grupo da USC, que percorreron a xeografía galega rexistrando e dixitalizando anacos miúdos da nosa vida rural, a xeito de flashes informativos e, sobre todo, representativos.
A cousa non ficou aí. Ao mesmo que se levaba a cabo este rexistro, procedeuse a situar no mapa as coordenadas exactas de todo o filmado, fotografado ou documentado, co obxectivo de achegar logo os servizos de xeolocalización e xeorreferenciación (datos de onde se atopa exactamente un punto de interese coa axuda de GPS) que se requiren en calquera proposta etnográfica e turística deste tempo. Isto fíxose na Rede coa axuda de Google Maps e Panoramio, e a intención é que se poida divulgar todo o conxunto en redes sociais como Facebook ou YouTube. A web presentada os días pasados polo Gist-Idega, que xa se coñece tamén como o Museo de Rutas Etnográficas, vai dirixida a “amosar a xeografía cultural galega do xeito máis innovador e creativo, difundindo tódolos aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e no europeo”.
O proxecto, por certo, contou coa colaboración de empresas e institucións como Cáritas, Feiraco, a Xunta, Caixa Galicia e os concellos de Brión, Antas de Ulla e Lalín.
Asemade, cómpre sinalar que se trata dunha iniciativa aberta á colaboración, polo que calquera internauta ou colectivo de internautas que desexe crear e promover unha ruta orixinal en calquera concello ou bisbarra, xa está en disposición de facelo.
En marcha galiciaautentica.org, escolma de rutas, paisaxes e costumes que nos son propios
Compartir Este Artigo
