Microsoft Ibérica, a subsidiaria española da compañía de Bill Gates líder mundial no desenvolvemento de software privativo, vén de comparecer hoxe perante a Comisión de Presidencia, Xustiza e Interior da Asamblea de Madrid, como mostra do “firme compromiso” que mantén coa protección e a seguridade na Rede dos seus usuarios e en especial dos menores.
A compañía, que recentemente celebrou con éxito o seu I Innovation Day en Bilbao, non só mira por darlle pulo á innovación tecnolóxica no noso país, senón que tamén ten tino á hora de promover o uso seguro das TIC por parte dos menores e, neste senso, concreta as súas iniciativas en catro áreas fundamentais:
1. Traballo conxunto coas autoridades xudiciais a fin de identificar as ameazas e perseguir os posibles delitos que poidan desenvolverse na Rede.
2. Emprego de procesos e políticas para a contravención e moderación de contido inapropiado ou ilegal, grazas ao chamado Sistema de Moderación e Contravención, que detecta aquelas imaxes de contido potencialmente ilícito e elimínaas se incumpren as normas de uso do servizo.
3. Posta a disposición das familias e docentes da tecnoloxía necesaria para educar e protexer aos menores en Internet a través de produtos, ferramentas e servizos de balde doados de manexar; como por exemplo o seu software Windows Live Protección Infantil, que permite que os pais e nais, en consenso cos seus fillos, xestionen e supervisen cal é o emprego que estes últimos realizan de Internet.
4. Colaboración coa cidadanía, outras compañías e organismos gubernamentais e institucións educativas para facilitar formación sobre os riscos que conleva a actividade en liña, un mal uso de Internet e as formas e ferramentas TIC necesarias para protexer aos menores.
As iniciativas de colaboración de Microsoft en España compleméntanse e amplíanse con campañas de comunicación e actividades de formación dirixidas aos menores, aos pais e aos mestres de tódalas Comunidades. En concreto, aquí en España, Microsoft, xunto coa asociación Protégeles, vén de por en marcha unha campaña de concienciación a través de www.protegeatushijos.com, na que todos os pais, mestres e titores interesados poden atopar todas as ferramentas necesarias para que os nenos e adolescentes naveguen seguros e de xeito privado na Rede.
A través desta páxina, a compañía ofrece vídeos informativos, un decálogo de seguridade en Internet, ligazóns de interese e consellos útiles de navegación. Neste labor de formación internacional, os propios empregados da compañía teñen participado en charlas e actividades en toda España, convertíndose, segundo afirman, “en altofalantes da mensaxe”.
Por outra banda, xa a nivel europeo, Microsoft é membro fundador da European Financial Coalition against Commercial Sexual Exploitation of Children Online (EFC), creada pola Comisión Europea o Infomation & Technology Working Group, así como do Cybercrime Project, a National Cyber Security Alliance ou a Get Net Safe, que une a empresas de tecnoloxía, organismos educativos e gobernos para prever e dar a coñecer os riscos que entraña a Rede.
Microsoft reafirma o seu compromiso a prol da protección dos menores na Rede
Compartir Este Artigo

