As persoas do campus de Ourense que se encargan de que cada verán, os alumnos e alumnas da Universidade de Vigo non se aburran e poidan sacar todo o proveito posible do seu tempo libre, xa teñen todo a punto para dar comezo aos seus cursos de verán deste ano que, por certo, veñen para tódolos gustos.
O programa de actividades inclúe un amplo abano de temáticas que van dende a enoloxía ata as novas tecnoloxías, pasando polos medios audiovisuais e a tradición etnográfica, etc. así ata completar un total de 14 cursos a desenvolver no propio campus e nos concellos de Bande, Celanova, Xinzo de Limia e Muíños.
O campus de Ourense, que segundo subliñou o vicerrector en funcións, Juan Francisco Gálvez, “é o que máis cursos de verán oferta de toda a Universidade de Vigo”, conta cun apoio económico que ascende a 67.000 euros, cos que pode ofertar tal magnitude de actividades.
O primeiro dos cursos que terá lugar dentro da programación de actividades é o que trata da Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas, dirixido polos profesores Alberto Vaquero e Fidel Picos e que se desenvolverá durante os días 8 a 15 de xuño no Edificio Xurídico-Empresarial.
Asemade, para este mes de xuño hai previstos outros tres cursos máis sobre arqueoloxía, enoloxía e novas tecnoloxías, este último campo contará cun estudo das ferramentas de seguridade en GNU/Linux impartido polo profesor Francisco José Ribadas e cun curso sobre a web 2.0 para empresas e negocios a cargo de Enrique Barreiro e Francisco Javier Rodríguez.
O mes de xullo comezará cun curso sobre cine e televisión dirixido por Miguel Anxo Fernández que se desenvolverá durante os días 7, 8 e 9 de xullo en Celanova.
Esta acción formativa chega este ano á súa sétima edición e nela intervirán ata 30 relatores entre actores, directores e persoas vinculadas ao mundo audiovisual que, segundo afirmou na súa presentación o xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, “analizarán os profundos cambios que se están a dar tanto na televisión coma no cine e que fan que os estudantes que saen agora ao mundo laboral atopen un panorama moi distinto ao que había cando comezaron a súa formación”.
Os cursos seguiranse a desenvolver ata o mes de novembro afondando noutras temáticas como o entroido, o emprendemento, a educación ambiental e as redes sociais, entre outras.
O verán preséntase moi tecnolóxico no Campus de Ourense
Compartir Este Artigo

