O Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos que se celebra no Telecentro de Santiago o día 17 (en conexión directa cos telecentros de Vigo, Ourense, A Coruña e Lugo) servirá entre outras cousas para pór en contacto aos profesionais galegos do eido TIC con especialistas de todo Estado en materia de calidade empresarial pola vía das novas tecnoloxías. Entre estes últimos, participará nas xornadas (que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) José Luis Iparaguirre, que ofrecerá a partir das 19.00 horas un relatorio sobre A mellora cuantitativa.
Iparaguirre, que foi recoñecido coa certificación de High Maturity Lead Appraiser (que avala o seu coñecemento e experiencia para realizar diagnósticos de madurez nas empresas), falará das pequenas e grandes cousas que diferencian un éxito dun fracaso empresarial, malia que as compañías que toman un camiño ou outro compartan persoas, clientes ou mesmo experiencia.
Isto que é aplicable ao eido xeral de mercado, sostén, tamén se pode levar ao específico, ao traballo despregado en contornos produtivos concretos, que comparten con contornos de éxito operarios, materias primas ou máquinas e que poden dar como resultado lotes defectuosos. “A orixe do problema”, avanza o propio Iparaguirre co fin de dar unhas cantas claves do miolo do seu relatorio, “é innata á propia evolución dos procesos de traballo en calquera actividade industrial”. Na súa opinión, é crucial que nos fagamos as seguintes preguntas: Son estables os meus procesos? Entendo o impacto de cada un deles no produto final que estou a realizar?
“As técnicas de control estatístico de procesos”, engade, “permitirán a eliminación das causas que provocan o espallamento dos resultados dos proxectos, mellorando entón a estabilidade dos resultados e, unha vez acadado o obxectivo de equilibro prefixado, suprimir as causas da ineficacia dos procesos, optimizando os froitos de cada iniciativa e facendo medrar o que hai de predicible nos mesmos”. Segundo conta, o emprego de diagramas de control e box-plots para estabilizar os chanzos dun proxecto e máis o uso de modelos predictivos nas fases temperás do mesmo achegan escenarios de redución progresiva dos custes e prazos das iniciativas despregadas, con medres paralelos da súa calidade.
José Luis Iparaguirre falará de cómo optimizar proxectos no vindeiro seminario do CPETIG
Compartir Este Artigo
