Ás redes sociais e ao seu uso intensivo en materia de promoción semella que non se resiste ninguén. En certa maneira, de facermos as cousas ben ao seu abeiro (en sitios como Facebook ou Twitter), case é como tirar abaixo tódolos atrancos que nos afastan de quen sexa. Isto tamén o saben os gobernos, de aí que non nos sorprendera atopar hoxe mesmo na bandexa de entrada do correo a miúda relación dunha iniciativa da Oficina de Turismo de Noruega para tirar o máximo partido das redes sociais co fin de espallar os seus límites físicos. E máis se temos en conta dúas cousas: que dende España saen cada ano para alá milleiras/os de viaxeiras/os e que moitas/os, reais ou potenciais turistas, fan uso intensivo do Facebook (sábese que esta rede dá acubillo a dez millóns de españois). Resultado: a dita oficina vén de lanzarse a convidar a todo o mundo a “norueguizarse” a través dunha lea chamada A miña aventura norueguesa.
A proposta, que podemos atopar no Facebook, trátase dunha campaña de índole experimental que anima a tódalas/os seareiras/os das redes sociais a dar saída aos seus impulsos á hora de elixir un destino turístico. A idea da Oficina é que os internautas se lancen a “seguir o estilo de vida do seu país, que harmoniza a natureza salvaxe coa vida urbano, a paixón polo deporte e o gusto polas novas tecnoloxías” (cultura geek, sinalan). Deste xeito, a proposta inclúe un xogo no que se pode compartir unha aventura soñada ou vivida, votala, incorporar fotos ou vídeos, localizar a experiencia en Google Maps e compartila en Twitter. A maiores, infórmase que algúns coñecidos xornalistas e amigos de país nórdico tamén subirán as súas aventuras norueguesas para seren comentadas.
A campaña en cuestión, que foi ideada pola empresa M2M, ofrecerá a partir da segunda metade de ano unha serie extra de accións a engadir, unha vez que estean dispoñibles os contidos con feitura de aventuras, entre as que se vai incluír a posibilidade de acceder ás mesmas a través do iPhone ou iPad para logo incorporar nestes dispositivos servizos e aplicacións de realidade aumentada.
Noruega métese de cheo nas redes sociais para atraer o máximo número de turistas
Compartir Este Artigo
