A voceira de xustiza do BNG, Tareixa Paz (na imaxe), vén de levar ao Parlamento de Galicia as queixas do seu partido sobre o funcionamento do sistema informático Minerva, implantado nos órganos xudiciais da Comunidade. A xuízo da parlamentaria, a devandita plataforma está a provocar “o atraso e a acumulación dos asuntos xudiciais, tal e como se deduce entre outras cousas das numerosas queixas dos operadores que traballan neste eido”.
Para o BNG, os atrancos máis salientables deste sistema radican na súa “lentitude”, pero tamén (e sobre todo, din, facéndose eco de denuncias dos profesionais da xustiza) e na súa “falta de adaptación á lexislación vixente, xa que non incorpora as últimas modificacións legais que atinxen á tramitación dos asuntos xudiciais”, engaden os nacionalistas.
Deste xeito, reclámanlle ao Goberno galego máis esforzo para dotar ao funcionariado, usuario da aplicación, do coñecemento preciso para o seu emprego, e tamén para mellorar a operatividade da devandita aplicación informática.
Críticas á nova aplicación informática do eido xudicial galego
Compartir Este Artigo
