A empresa galega Inova, especializada na xestión tecnolóxica, vén de anunciar un novo seminario para dar conta dalgúns dos máis innovadores métodos para acadar no seo das empresas a máxima produtividade. Máis polo miúdo, o evento xirará arredor de TRIZ, un sistema de innovación arestora empregado por multinacionais como Nestlé, Ferrari, Samsung, Nokia ou BMW. A cita de Inova cos axentes galegos, que xa é a segunda, celebrarase os vindeiros 16 e 17 de xuño, no Club Financeiro de Vigo. Segundo informa a propia compañía, TRIZ non é outra cousa que un recurso punteiro de inventiva dirixido á mellora de produtos, servizos e procesos. Para facérmonos unha idea do seu potencial, engade, só teremos que comprobar os recentes índices de medre das devanditas Nestlé (que acadou un aceleramento da produción de chocolate e a un menor custe) e BMW (que reduciu as pezas dos seus motores para chegar a unha potencia meirande).
As xornadas de divulgación, que darán acubillo a un máximo de 30 persoas, serán impartidas por Ellen Domb, unha das maiores expertas en TRIZ de todo o mundo e presidenta de The PQR Group, compañía estadounidense de consultoría especializada en axudar ás empresas nas súas relacións cos clientes e na súa produtividade e beneficios. O horario do curso será de 10.00 a 18.00 e o seu importe de 250 euros. Para calquera dúbida, informa a empresa organizadora, cómpre acceder á web propia de seu, onde se achegan datos completos sobre o seminario e sobre a inscrición. Cómpre lembrar que este encontro é xa o segundo dos seminarios programados por Inova, que comezaron en novembro da man do profesor Alexis Gonçalves, profesor de Georgetown e asesor de empresas como Pfizer ou American Express.
Inova informará en Vigo sobre o método TRIZ, sistema de innovación usado por Nokia ou BMW
Compartir Este Artigo
