
No encontro, no que tamén participou a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira, os responsables do Cluster TIC expuxeron ante o máximo responsable do Goberno da Comunidade Autónoma Galega a relevancia do sector das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións no conxunto da economía de Galicia, destacando a “alta capacidade das empresas e entidades deste sector para a innovación e a mellora da produtividade do conxunto do tecido produtivo do país”.
Neste senso, os responsables do Cluster TIC Galicia valoran positivamente a política en materia de TIC e Telecomunicacións impulsada pola Xunta de Galicia e pola súa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e presentaron un conxunto de propostas que, mantendo a mesma dirección, aseguraron, “permitirán dar un importante salto adiante”.
Así, propuxeron a posta en marcha dun gran pacto tecnolóxico-industrial para Galicia, un marco dentro do cal, segundo informaron, “cada sector produtivo definirá un plan de demanda anticipada”.
Artellaranse, segundo o previsto, “por medio dun diálogo profundo entre as Administracións, os axentes sociais, os sectores empresariais, industriais e tecnolóxicos e o sistema educativo”, e o Cluster TIC Galicia “liderará e coordinará o papel das empresas tecnolóxicas, facendo valer o carácter transversal das súas solucións para avanzar na modernización da industria galega e na mellora da súa competitividade”.
Captación de investimento: 200 millóns en catro anos
Outra das propostas que o Cluster TIC presentou ao máximo responsable do Goberno de Galicia foi a posta en marcha dun plan de atracción de investimentos nos sectores TIC. As empresas do Cluster comprométense a captar 200 millóns de euros de inversión en catro anos. Para iso, segundo anunciaron, “contarán cos fondos de capital risco e coas axencias públicas de promoción económica”.
Os responsables da iniciativa pretenden, deste xeito, atraer start-ups e empresas do sector das enerxías limpas, así como facer que o fenómeno da deslocalización vire o seu sentido e teña unha repercusión positiva na creación de postos de traballo na Comunidade Autónoma.
Finalmente, o Cluster TIC presentou o seu plan para impulsar un cambio de mentalidade en todos os ámbitos da sociedade galega, de cara a impulsar a demanda anticipada das novas tecnoloxías, considerando a este sector como clave para o desenvolvemento do país.
Na imaxe, de esquerda a dereita: Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente do Cluster TIC Galicia, Rafael Valcarce Baiget, presidente do Culster TIC Galicia; Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia; María del Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica; Jorge Cebreiros Arce, secretario do Cluster TIC Galicia, e Ricardo Fernández Fernández, tesoureiro do Cluster TIC Galicia.

