
Por certo que hoxe mesmo se celebra dende Santiago unha nova xuntaza organizada polo Colexio galego, o Seminario de Boas Prácticas en Xestión de Proxectos.
A xuízo dos participantes no seminario co que abrimos este texto (dirixido sobre a avogados, xuristas e enxeñeiros informáticos), é máis preciso que nunca contar cun corpo de peritos especializados en novas tecnoloxías para localizar e perseguir delitos en Internet. Para o CPETIG, a arela en cuestión podería resumirse e sintetizarse na posta en marcha dun novo CSI, ou sexa, unha fronte especializada de traballo integrada por peritos informáticos formados no rastrexo e no exame de pescudas e probas ao abeiro das canles dixitais, emprazamentos que ao seren virtuais e non estar suxeitos ao noso tradicional xeito de interactuar co medio, non poden ser estudados dende os puntos de vista xa afianzados.
Un exemplo disto sería a inexistencia nestas canles de pegadas dactilares nin de nada que se asemelle. Cómpre pois mudar de modelos, e comezar a pensar en ronseis dixitais antes que en pegadas. A este respecto, o CPETIG quixo deixar claro o gran potencial dos profesionais aos que dá acubillo á hora de contribuír á resolución dos devanditos traballos.
Como dixemos, pola xornada pasaron importantes profesionais deste eido, como por exemplo Miguel Ángel Davara, catedrático de Dereito Informático, quen amosou polo miúdo o seu punto de vista a favor da devandita adaptación da lei ao ámbito dixital. Ao seu xuízo, os eidos xudicial e lexislativo deben afacerse “a marchas forzadas” a esta nova realidade que é a informática. Pola súa parte, Eloy Velasco (maxistrado-xuíz da Audiencia Nacional) avaliou en detalle os problemas actuais en materia de emprego de probas informáticas nun proceso nos tribunais, probas que en ocasión acaban por entrar en grandes “incongruencias na normativa”. Dende o seu punto de vista, cómpre ter en conta que hai delitos informáticos e tradicionais, e as probas que acheguen os primeiros deben ser avaliadas no mesmo rexistro, tentando asegurar os factores brevidade e máis axilidade, xa que o tempo moitas veces acaba por irse en traslados a unidades policiais.
A avogada Paloma Llaneza, pola súa parte, falou da necesidade de habilitar unha nova lei de proba que estea en meirande sintonía coas novas circunstancias tecnolóxicas que nos tocou vivir, mentres que Juan Salom, xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, afondou nos detalles inherentes a un proceso de investigación de delitos posto en marcha polo corpo que representa (especializado contra a criminalidade que se afianza ao abeiro das redes), amais de expor polo miúdo os problemas aos que este se enfronta.
Expertos en informática xudicial reunidos polo CPETIG avogan por adaptar a Xustiza ao novo tempo dixital
Compartir Este Artigo
