A Secretaría Xeral de Política Lingüística, na súa teima por potenciar a aprendizaxe do galego en tódolos ámbitos, vén de presentar o primeiro curso en liña orientado á preparación das probas de certificación de lingua galega no nivel 1 desenvolvido no noso país.
Trátase da posta en marcha dun “ambicioso” sistema de formación a través dunha plataforma virtual que ten como obxectivo potenciar a aprendizaxe da nosa lingua, botando man das fórmulas didácticas máis innovadoras.
O acto de presentación tivo lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, e foi presidido polo responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; polo presidente de INEO, Jorge Cebreiros; e pola coordinadora dos contidos do curso, Margarita Chamorro. Ademais, unha das autoras dos contidos, Xandra Santos, realizou unha presentación práctica do curso.
Este curso, segundo palabras do secretario xeral, “constitúe unha aposta decidida de Política Lingüística por darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego” e neste senso, bota man das vantaxes que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación para todo o relacionado coa formación a distancia e a interactividade.
Por outra banda, o devandito Celga 1 en liña responde ao obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de “potenciar a aprendizaxe do galego neste sector da poboación mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios”, concluíu Lorenzo.
O curso desenvolverase desde o 4 de setembro ata o 12 de novembro e para inscribirse, as persoas interesadas deben enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es, na que indiquen o nome e apelidos, o DNI con letra, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e mais o nivel de estudos. O prazo de matrícula está aberto desde hoxe ata o víndeiro día 15 de xullo.
A selección, segundo informan dende a entidade responsable, farase por rigorosa orde de inscrición e ata cubrir as 105 persoas en total que se admitirán nos cursos. A listaxe de admitidos, cos grupos de cada curso e co titor ou titora encargado de cada un, farase pública na páxina web de Política Lingüística. Tamén se indicará o lugar e a hora en que as persoas admitidas serán convocadas para a presentación e a explicación do desenvolvemento do curso.
Características do Celga 1 en liña
O curso, composto por dez unidades, está deseñado como unha ferramenta de traballo á disposición do usuario, que facilita a súa aprendizaxe e permite a súa autonomía.
Unha vez que o usuario ou usuaria accede á unidade coa que quere traballar, pode avanzar por esta de forma secuencial e automatizada ou seleccionar calquera dos tres bloques dos que consta para comezar a traballar.
No curso diferéncianse tres tipos de actividades. En primeiro lugar, actividades pechadas. En segundo lugar, actividades pechadas e semiabertas. E, finalmente, actividades pechadas e abertas. As dúas últimas implican o envío, por parte do alumno ou alumna, da actividade ao titor ou titora para a súa corrección. Nas primeiras, é a propia actividade a que lle dá un feedback inmediato e progresivo ao alumno, mediante o botón A túa resposta.
Así mesmo, en cada unha das actividades pechadas o alumno conta cun número máximo de seis intentos permitidos para resolver a actividade, antes de que o curso lle dea a solución de maneira automática. En calquera caso, o alumno pode enfrontarse a unha mesma actividade tantas veces como considere necesario, ata cumprir os seus obxectivos de aprendizaxe.
Para a realización das actividades, o estudante conta cun cadro de Interactividade con indicacións do que debe facer. Dentro da diversa tipoloxía de exercicios, atópanse a colocación da frase correcta nun diálogo, o emparellamento de elementos gráficos coa súa definición en texto, a elección da resposta correcta, a reprodución oral de palabras etc.
Moitas destas actividades esixen que se active o audio para escoitar algún exemplo ou o micrófono para facer unha gravación; outras levan incorporada a explicación gramatical correspondente.
Para ter unha idea xeral do seu grao de avance, o alumnado pode consultar información de utilidade que mostra a proporción de actividades realizadas en cada unidade. Ademais, recolle a dedicación en horas, minutos e segundos ao traballo en cada unidade.
INEO aposta pola formación en liña
O curso Celga 1 en liña foi deseñado por INEO, e está baseado nunha metodoloxía multimedia, que emprega os máis avanzados recursos de imaxe e son como apoio aos contidos tratados, e interactiva, xa que lle permite ao usuario traballar en todas as competencias lingüísticas.
A iniciativa posta en marcha por Política Lingüística aproveita as vantaxes da formación e-learning. Neste sentido, ofrece diferentes ferramentas de comunicación sincrónica e asincrónica para os estudantes e os profesores, ao tempo que elimina as barreiras espazo temporais e favorece a autonomía do alumnado. Ademais, o curso en liña facilita a actualización dos contidos e pon á disposición dos estudantes un amplo volume de información.
O primeiro curso Celga 1 en liña tamén promove a interactividade en múltiples ámbitos, grazas a ferramentas como foros, chat, correo-e etc., permite a combinación de materiais audiovisuais, visuais e auditivos, posibilita unha formación grupal e colaborativa e permite que nos servidores poida quedar rexistrada a actividade realizada polos estudantes. Ademais, este novo sistema de formación favorece a atención de demanda dun maior número de alumando, tende a reducir o tempo de aprendizaxe e, ademais, aforra custos e desprazamentos.

