Se outro día dábamos conta nesta mesma web da presentación de Windows 7 en catalán, agora toca falar do anuncio feito pola Xunta de que se está a traballar para ter nun prazo o máis breve posible a nova ferramenta de Microsoft na nosa lingua. A iniciativa, reflectida por Vieiros, non está exenta de críticas e polémica, sobre todo dende a comunidade galega de usuarios e deseñadores de software libre, que consideran que habendo programas libres e gratuítos na nosa lingua (Trisquel ou Galinux) non é preciso investir cartos nin esforzos en adaptar unha ferramenta pechada e privativa.
Volvendo ao miolo da iniciativa, dicir que a presentación do sistema operativo no noso idioma aínda non ten data, pero calcúlase que estará dispoñible dentro duns dous meses, segundo fixo saber a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Dicir que o lanzamento desta adaptación da ferramenta de Microsoft chegará ao mesmo tempo que a versión en éuscaro. Por certo que, unha vez máis, a multinacional contará coa empresa compostelá Imaxin (especializada en novas tecnoloxías da información e servizos lingüísticos) como socia tecnolóxica, tal e como acontecera coas anteriores adaptacións dos seus produtos informáticos.
Asemade, Termigal achegará de novo o seu apoio terminolóxico.
Windows 7 podería estar dispoñible en galego nun prazo de dous meses
Compartir Este Artigo

