Tal e como sinalamos onte nesta web, o Goberno galego quere dar un novo paso en materia de unificación da súa estratexia de desenvolvemento de todo que ten que ver coa Rede. Este proceso collerá corpo a través dunha iniciativa concreta, 2014.gal, a Axenda Dixital de Galicia. Para dar a coñecer os detalles desta iniciativa aglutinadora, que xorde tamén para “converter a economía actual nunha economía intelixente” (en palabras da propia Xunta), convocouse unha macrocita cos profesionais TIC e os medios de comunicación do país no Pazo de Congresos de Santiago, este venres 23 a partir das 10.30 horas. A Axenda Dixital, que vén cun orzamento público de máis de 900 millóns de euros, contará tamén cun importante apoio privado, materializado entre outras cousas no capital posto en xogo: 700 millóns de euros.
O programa de actuacións inclúe sete liñas estratéxicas e 40 programas, concibidos todos estes elementos como instrumentos para “facilitar a converxencia con Europa e o medre sostible”. Amais do devandito, e xa meténdonos noutro tipo de cifras, a iniciativa prevé a creación de 12.000 empregos ata 2014, pasando do 1,6% ao 2,5% da poboación ocupada. Asemade, o plan encamíñase a mellorar a formación dixital de todas e todos as/os galegas e galegos (incluído o eido do funcionariado e con vistas a afianzar unha Administración Dixital “máis eficaz e orientada ao cidadán”) e impulsar a extensión da banda larga. O acto de presentación contará coa participación do presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira.
Santiago acolle este venres a presentación da Axenda Dixital de Galicia
Compartir Este Artigo

