A Asociación de Enxeñerios de Telecomunicación de Galicia (AETG) quere reforzar o seu labor de recoñecemento á innovación tecnolóxico-dixital que xorde da nosa terra. E faino, para comezar, coa convocatoria da primeira edición do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC, certame posto en marcha de xeito conxunto coa asociación empresarial que lle dá nome. O recoñecemento, informa AETG, será entregado durante o transcurso da XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (o día 3 de setembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago), un encontro que como o seu propio nome indica vai dirixido a reunir nun único escenario a profesionais e empresas do eido galego das novas comunicacións. Por certo que este evento tamén coincidirá coa cea de gala do Congreso FITCE, o simposio europeo das TIC que se celebrará do 1 ao 4 de setembro na mesma cidade.
O obxectivo do premio é, como se dixo, salientar a innovación galega vinculada ao coñecemento. Segundo AETG e Ineo, do que se trata é de “apoiar as ideas e proxectos innovadores de clara aplicación tecnolóxica baseados en resultados xerados nas empresas, así como produtos e servizos xa rematados ou en fase de desenvolvemento dirixidos a impulsar o aproveitamento de resultados e/ou tecnoloxía xerada en Galicia”.
As empresas aspirantes a este premio deberán cumprir unha serie de requirimentos para concorrer no mesmo, entre outros o de ter domicilio social galego e contar cunha idea ou proxecto baseado na innovación e as TIC e que dera como resultado unha ferramenta singular.
Aquelas firmas que desexen optar ao galardón deberán achegar o seguinte:
· O boletín de participación que deberán solicitar chamando á sede da AETG no número
de teléfono 986 465 234 .
· Memoria ou resumo explicativo da aplicación.
Ámbolos dous documentos deberanse enviar por correo electrónico ás seguintes contas:
administracion@coetg.es e aetg@aetg.org. Amais, terase que incluír no cadro do asunto os termos “premios Ineo”. O prazo de recepción das memorias remata o 6 de xullo.
Por outra banda, cómpre lembar que o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia decidiu ampliar o prazo de recepción das memorias do Premio Gerardo García Campos 2010 á Mellor Iniciativa Empresarial no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e o do Premio Gradiant á Mellor
Tese Doutoral Aplicada no sector das TIC ata o 6 de xullo de 2010.
A AETG e Ineo convocan un galardón para recoñecer a mellor aplicación galega de 2010
Compartir Este Artigo
