A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai potenciar a formación a distancia do profesorado a través de cursos en liña, co fin de ofrecer unha oferta formativa máis ampla aos docentes galegos, adaptándose ademais ás necesidades dun sistema educativo en constante evolución. Así llelo explicou hoxe o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, aos sindicatos na mesa sectorial docente de ensino non universitario, na que lles presentou o proxecto de decreto polo que se vai regular a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros educativos sostidos con fondos públicos.
O novo decreto ten como obxectivo “mellorar a formación do profesorado, adecuándoa ás liñas prioritarias de traballo do sistema educativo actual”. Desta forma, tal e como explicou o director xeral de Educación, a Consellería potenciará a formación naqueles eidos nos que está a centrar as súas actuacións, tales como a mellora da competencia lingüística do profesorado, cando menos, nunha lingua estranxeira; a preparación para o uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC); o incremento da formación a distancia. O que se busca, engadiu José Luis Mira, é “dar apoio ao profesorado”, a través da mellora continua da calidade na súa formación permanente.
Para iso, o decreto establece unha nova planificación da formación, en torno a un Plan Estratéxico e aos plans anuais. Así, no Plan Estratéxico definiranse os obxectivos que hai que conseguir ao remate dun período de catro anos, así como a súa concreción en obxectivos.
Educación potenciará a formación en liña do profesorado galego
Compartir Este Artigo

