Lonxe de prescindir dalgún Punto de Atención Continuada como se cría que ía pasar este verán no noso país, o SERGAS está a traballar a reo na súa mellora, tanto no que se refire ao equipamento como á estrutura dos mesmos, facendo posible unha maior rapidez e eficacia na atención aos doentes. Así o vén de afirmar a directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez González durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.
De feito, unha das liñas de traballo do departamento que dirixe Pilar Farjas é a informatización dos PAC, pois a implantación da historia clínica electrónica, segundo afirmou a representante do Segas, “é unha ferramenta esencial para poder traballar no proceso integrado da asistencia urxente en colaboración co 061, e cos servizos de urxencia hospitalaria, para garantir unha resposta axeitada no ámbito máis próximo ao paciente”.
A previsión é completar este proceso de informatización (que comezou en maio do pasado ano) en xaneiro de 2011, chegando a cubrir o 100 por cento dos PAC que hai en toda Galicia, é dicir, os 90 existentes dos que están informatizados un total de 77.
Isto, sen lugar a dúbidas, vai facilitar o traballo dos profesionais galegos, así como mellorar a calidade da asistencia sanitaria urxente prestada á cidadanía.
O SERGAS informatizará o 100% dos PAC en xaneiro de 2011
Compartir Este Artigo

