A Universidade de Vigo, a fin de adaptarse ás pautas que impón o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) para acollerse ao plan Boloña, que entre outras cousas esixe transmitir un coñecemento transversal que relacione unhas materias con outras, vén de anunciar a celebración dun Curso de iniciación ao debuxo por ordenador. Trátase dunha actividade formativa práctica para a adquisición de capacidades e habilidades de debuxo con diversos programas, que lles permitirá aos estudantes tanto mellorar os seus traballos e informes para entregar ao profesorado como para ilustrar os seus propios apuntamentos. O curso, que inclúe formación con programas como Paint, Word, Excel, Power Point e incluo Autocad, está organizado pola Escola de Enxeñaría Técnica Forestal e consiste basicamente nunha revisión rápida dos programas de tratamento de imaxe, de debuxo e de representación en 3D, cunha ollada posta no software libre deste tipo. O período de matrícula manterase aberto ata o vindeiro día 7 de xullo e para formalizala, as persoas interesadas (ata un total de 24) deberán acceder á plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. A docencia comezará o xoves 8 de xullo e desenvolverase en 6 sesións que se prolongarán ata o 15 de xullo. Estará impartido polos profesores Paulino Alegre e Alberto Comesaña, membros do Departamento de Deseño en Enxeñaría, e por María Tenorio, técnica superior en desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas, que conta cunha ampla experiencia en deseño 3D para arquitectura e en tratamento de imaxe. Segundo informa Paulino Alegre, un dos formadores do curso, “trátase dunha acción dirixida a facilitar a adaptación dos estudantes ao cambio derivado do plan Boloña, que vai especialmente dirixido a estudantes dos primeiros anos de calquera titulación e mesmo a preuniversitarios”. Alegre, que está convencido de que esta actividade lle será moi útil á comunidade universitaria, apunta asemade que, “mellorará a autorformación e a eficiencia na aprendizaxe das persoas asistentes”.
A Universidade de Vigo organiza un curso de debuxo por ordenador para a súa aplicación transversal nos estudos
Compartir Este Artigo

