O Centro Social Casa das Atochas da Coruña, situado na praça das Mulheres Livres do barrio de Atocha Alta, ofrece estes días dúas actividades culturais e informativas ligadas en maior ou menor medida á era dixital. A listaxe de eventos comeza este xoves 8 de xullo coa segunda edición do Spam Fest, unha xuntanza que xira arredor dun ideario, o pensamento spam, que lonxe do que pode parecer nun principio (ao ser spam o termo co que se coñece ao correo lixo en Internet), é desta volta un pensamento progresista e libre e que anima a creación artística na rúa e máis na Rede, tal e como se pode ver no blog que dá conta desta tendencia. A actividade, que tamén ten sitio en MySpace, dará comezo ás 18.00 horas.
O seguinte evento desta liña temática que dá acubillo a Casa das Atochas desenvólvese o 10 de xullo, este sábado a partir das 19.00 horas, e trátase dun foro-mesa redonda para avaliar dende o punto de vista crítico a Sociedade do Coñecemento e o uso que se lle quere dar dende determinados eidos do sistema.
Así, analizaranse polo miúdo as novas técnicas de control como a intercepción das comunicacións, a xeolocalización, a identificación ou o rastrexo de transaccións. Na imaxe, unha acción recente celebrada no centro social acerca da práctica da ocupación e da posta en marcha de actividades de dinamización cidadá a través dela.
A creatividade e a liberdade na Rede, a debate estes días na Casa das Atochas
Compartir Este Artigo
