A era dixital turrará moito para adiante e o DNI electrónico terá unha chea de vantaxes, pero hai cousas que non cambian. Por exemplo as longas ringleiras para renovalo ou para pedir o pasaporte nos centros de expedición da Policía Nacional, que segundo contan dende El Correo Gallego seguen a ser, como cada ano por estas datas, unha tortura. O motivo? O de sempre: que polas vacacións redúcese o persoal da oficina unido a que moitos cidadáns non contaron con isto e deixaron para o verán o que puideron facer ao longo do ano, como renovar o carné ou o pasaporte. Por se isto fose pouco, hai moita xente que quere viaxar (polo que ten que pór ao día as certificacións) e outra moita que regresa (emigrantes que precisan actualizar os seus documentos).
O resultado é, de novo, unha longa ringleira que abrangue a parte superior da rúa Pitelos e que colle en ocasións boa parte do Hórreo. O problema, cómpre dicilo, é que non por estar na dita rúa a primeira hora da mañá se nos asegura que nos atendan. Na oficina, de feito, teñen un tope de servizo. Ou sexa, que o madrugón para obter o DNI electrónico pode que non sirva para nada. Nin a infraestrutura nin o persoal dan para atender a tal cantidade de xente, por unha banda os que solicitaron a cita previa por Internet (na web que habilitou o Ministerio do Interior) ou por teléfono (entre 100 e 120 por día) e por outra os que non a solicitaron (a xente que ten que unirse á ringleira a primeira hora da mañá e que para a que non se soe reservar máis de 80 números).
Segundo se informa en El Correo, a media de tempo para a renovación do DNI electrónico, sen ter en conta o que se perde nas fileiras, é de uns doce minutos.
Volven as longas fileiras ás oficinas de expedición do DNI electrónico
Compartir Este Artigo
