Los Suaves, o máis importante grupo de rock galego e un dos abandeirados do rock nacional dende hai preto de trinta anos (que se din pronto), xa teñen asumido que o que os fai grandes (máis aínda do que xa son de por eles) son os seus seareiros e fans, que por máis que pasa o tempo, nunca esquecen que “a Dolores chamábanlle Lola e que esta banda ourensá non pode deixar o rock”.
Xa que logo, Yosi e compañía, que con motivo do seu trinta aniversario van lanzar un novo DVD cun concerto exclusivo que gravarán en Ourense, veñen de facer un chamamento a todos e todas os que algunha vez sentimos a súa forza nalgún directo, pedíndolle calquera tipo de material que poida formar parte deste novo DVD (vídeos, fotos…), que levará por título 29 anos, 9 meses e 1 día.
O devandito concerto terá lugar o vindeiro 18 de setembro en Ourense e os responsables da banda xa están a enviar carteis e flyers para que todas aquelas persoas que queiran axudar a promocionar o evento os colguen nos seus bares e lugares habituais de encontro.
Tanto para enviar material que poida formar parte do DVD como para solicitar carteis do concerto, a banda vén de habilitar unha dirección de correo electrónico: eldirectodelossuaves@gmail.com, ao que dirixirse para calquera tipo de solicitude.
Asemade, as persoas interesadas en acudir a este directo, para o cal xa hai entradas en Musikaze.com e Ticketmaster a un prezo de 6 euros máis gastos, poden conseguir unha entrada dobre con pase a backstage facéndose “fans” en Facebook do directo de Los Suaves.
Los Suaves botan man da Rede para darlle forma ao seu último DVD
Compartir Este Artigo

