Os responsables do servizo 11870.com, web-comunidade onde os usuarios gardan, comparten e recomendan datos das súas empresas preferidas, veñen de achegarnos un reconto do seu seguimento na provincia da Coruña. A páxina web en cuestión, arestora empregada ao máximo por máis de 30.000 internautas, ten neste intre na súa base de datos máis de 24.000 empresas da provincia da Coruña rexistradas e comentadas, xuntándose a raíz delas un total de 1.600 opinións e 4.000 imaxes achegadas por elas mesmas e polos clientes. A escolma de empresas, que proceden dos máis variados sectores (hostalería, tendas de roupa ou complementos, firmas de transportes, mudanza ou decoración, etc), consolida ao servizo 11870.com como un dos máis completos da Rede para levar a cabo procuras sobre produtos e servizos galegos baseados en criterios de opinión, a xuízo dunha boa parte dos usuarios moito máis fiables que calquera outro criterio.
En palabras do equipo de 11870.com, estas e outras cifras converten o portal na “web de referencia na zona á hora de buscar datos sobre calquera sitio ou empresa na Coruña”.
Para Roberto Heredia, conselleiro delegado da compañía, “a web representa arestora un xeito innovador e cómodo de procurar información de calidade sobre negocios na Coruña, xa que lles ofrece aos usuarios as ferramentas máis sofisticadas para gardar os sitios e servizos que lles agradan e compartilo coa súa rede de amizades, tamén a través de Facebook, e ás empresas lles achega a posibilidade de darse a coñecer perante milleiros de posibles clientes”. Por certo que a un nivel máis xenérico, o portal conta arestora con 160.000 opinións sobre produtos e solucións de todo o Estado, complementándose esta cifra con máis de medio millón de imaxes, “o maior arquivo fotográfico comercial de España”, sinalan. Na imaxe, unha ollada ao lugar de traballo de 11870.com, presentado polo miúdo no seu caderno de Flickr.
11870.com dá acubillo aos datos de máis de 24.000 empresas da Coruña
Compartir Este Artigo
