Galizacelta.com, unha das webs máis representativas da que se entendería como Rede galega, vén de pór ao alcance da man dos internautas unha moi interesante escolma de podcasts sobre diferentes eidos temáticos do noso pasado. A achega, que descubrimos grazas á CiberIrmandade, diríxese a ofrecer un percorrido sonoro da historia galega mediante a recompilación de relatorios e declaracións dalgúns dos persoeiros máis salientables da análise actual da nosa cultura e sociedade, como por exemplo André Pena Graña (que fala entre outras cousas do celtismo galego), Paula Sánchez (xens e migracións), Marcial Tenreiro (indixenismo), Anselmo López Carreira (a desaparición do Reino de Galiza), Francisco Carballo (Idade Moderna), Ernesto Vázquez Sousa (A Francesada) ou Xosé Manuel Barbosa (intres da prehistoria da lingua).
As gravacións en cuestión pódense ouvir a través de escoita directa ou por medio de descarga na computadora. A duración das mesmas é variable, pero unha boa parte delas (extraídas de congresos, foros e mesas redondas) vai alén da hora de duración.
A xuízo da Ciberirmandade, o fornecemento destes podcasts déixanos perante un bo xeito de aprender máis sobre quen somos e de onde vimos realmente, “lonxe das versións oficiais do noso propio pasado que nos transmiten dende a desprestixiada historiografía española”.
Galizacelta.com achega un percorrido pola nosa historia a través dunha escolma de podcasts
Compartir Este Artigo
