O verán, xa o sabemos todos, ten potencial para ser un tempo de ledicia e distracción, pero tamén ten o seu lado escuro: atascos, calor abafante, ensaladillas en mal estado, picaduras de mosquitos e fanecas bravas e, por se isto fose pouco, facturas do móbil máis altas do agardado e debido, principalmente, a non termos amosado sentido común de abondo á hora de comunicármonos de viaxe ou acceder ás redes. Porén, e segundo se nos fai saber dende o blog da CMT, pode que a calor non teña moito arranxo, pero si que o teñen os pagos desorbitados ás operadoras. Ou, polo menos, hai métodos para previlos.
Para facer unha viaxe pola Unión Europa, a cousa está máis ou menos clara e semella que a nova normativa de roaming pode mesmo beneficiarnos. Así, dende o 1 de xullo, o límite dos servizos de datos (conexión á Rede, baixada de música, imaxes, etc) con roaming ficou fixo de maneira automática en 50 euros sen IVE, agás se temos elixido previamente outro límite máis ou máis baixo.
Asemade, establecéronse prezos máximos para as chamadas (tal e como se especifica nas novas normas europeas) e mobilizáronse ás operadoras para que envíen mensaxes informándonos das tarifas dos datos en itinerancia cada vez que entremos noutro país da UE.
Amais de todo isto, as empresas tamén alertan de cando nos pasamos do 80% de límite fixado e baixan o prezo das chamadas dentro da Unión Europea de 43 céntimos a 39 por minuto, sendo o custe das recibidas de 15 céntimos (antes era de 19).
O problema real vén para as viaxes que fagamos fóra da UE, malia os acordos de roaming que existen entre as compañías dos cinco continentes. Deste xeito, se queremos chamar co móbil dende un país externo da UE, o máis aconsellable é consultar antes as condicións que ofrece o operador, xa que é probable que teñamos que dalo de alto con certo tempo de antelación. O que si que está claro é que as tarifas de itinerancia fora da UE non están suxeitas ás reducións dos prezos devanditas, ou sexa que aí increméntanse as posibilidades de recibir unha factura das que queiman.
Nas webs das compañías máis importantes das que operan en España hai información detallada sobre os prezos e cobertura: Orange, MoviStar, Vodafone, Yoigo, SIMYO e Másmóvil.
Outro consello importante se queremos conectarnos á rede: as tarifas seguen a ser de luxo, polo que case é mellor metérmonos nun ciber ou consultar a Internet no hotel no que nos aloxemos antes que empregar o teléfono, xa que a tarifa plana que contratamos dentro do Estado só é válida para o mesmo.
A CMT recomenda estudar os prezos das chamadas no eido internacional se saímos de viaxe este verán
Compartir Este Artigo
