A Deputación de Lugo vén de facer reconto do acadado ao longo do mandato do seu actual presidente, José Ramón Gómez Besteiro, tanto en materia de colaboración xeral cos concellos e cos órganos europeos responsables da achega de fondos, como dende o punto de vista da posta en marcha da Administración Electrónica a nivel provincial. Segundo fixo saber en rolda de prensa o titular da Deputación acompañado do vicepresidente do organismo provincial (Antón Bao), entre os retos máis salientables da institución atópase a consecución dun diálogo coa cidadanía que tire o máximo proveito das novas tecnoloxías da información.
Esta liña de afianzamento da Administración Electrónica, subliñou, ten como alicerce o programa provincial Innova-TE, unha iniciativa que malia os seus obxectivos “extredamente ambiciosos”, vai en prazo. O que está claro é que en xuño de 2011 estará rematada a fase actual, sendo (precisamente) este ano vindeiro o que de verdade amose claramente os froitos acadados dun proceso que se sabía longo e dificultoso.
“O vindeiro ano”, subliñou Besteiro, “será cando comece a dar un alto rendemento este servizo de cooperación que segue a ser unha liña de aforro moi importante para os concellos e que nos permitirá dar o salto a traballar en rede, a materia pendente desta provincia”.
Xa nun plano máis xenérico, o presidente da Deputación fixo un balance positivo de todo o acadado ao longo dos tres anos do seu mandato, tempo que lle serviu (comentou) para cumprir co 98% do programa de goberno e para desenvolver dez puntos dos que se marcaron en xullo de 2007.
A Deputación de Lugo avanza que 2011 será para os concellos o ano definitivo para o chimpo ás redes
Compartir Este Artigo
