O Boletín Oficial do Estado (BOE) de onte, a fin de mellorar os servizos de telefonía móbil que nos prestan na actualidade as compañías de telecomunicacións de todo o país sen por elo incrementar as cifras das nosas facturas, vén de publicar unha Orde Ministerial, concretamente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, pola que se regula o servizo de comunicacións móbiles a bordo de aeronaves en voo que optimiza as comunicacións móbiles dende os avións.
Este servizo, identificado polas siglas MCA (Mobile Communication on Aircraft), regula a prestación do servizo de telefonía móbil nos avións e comezará a aplicarse dende hoxe, malia que, con carácter previo xa se autorizaran emisións temporais ás operadoras de telefonía que o solicitaron.
O MCA é un servizo de prestacións similares aos de telefonía móbil de segunda xeración (GSM), dispoñible a bordo de aeronaves en voo a alturas superiores aos 3.000 metros sobre o chan. O servizo poderá ser empregado polos pasaxeiros aboados a un operador de comunicacións móbiles co que o operador prestador do servizo MCA teña subscrito un acordo de itinerancia.
En definitiva, e segundo informan dende o Ministerio responsable, trátase de dispor do servizo de telefonía móbil durante os voos empregando os terminais de telefonía móbil propios de cada aboado e coas mesmas prestacións que ofrecen as redes terrestres con tecnoloxía GSM.
A Orde Ministerial publicada no BOE regula tanto os aspectos técnicos como as condicións que deben cumprir os operadores que desexen prestar este servizo (que por certo foron establecidas pola Comisión Europea), e que entre outras cousas esixen un funcionamento harmonizado que asegure a súa continuidade transfronteiriza.
Así mesmo, a Comisión Europea estableceu unha serie de recomendacións aos Estados membros destinadas a harmonizar a normativa reguladora da prestación do servizo MCA, deixando á vontade destes a esixencia ou non dunha concesión administrativa.
Co fin de incrementar os niveis de seguridade, garantía e control para a prestación deste servizo, nun ámbito sensible como é o do tráfico aéreo, a Orde aprobada introduce “a cautela de esixencia de identificación dos operadores”. No caso de prestación en aeronaves baixo bandeira española, esíxese unha concesión. Se se trata de avións baixo bandeira estranxeira, a identificación esíxese mediante notificación á Axencia Estatal de Radiocomunicacións, dado que, de acordo coa lexislación internacional sobre aviación civil, o espazo da aeronave se considera baixo xurisdición do país no que se encontra matriculada.
Industria regula o emprego dos móbiles nos avións
Compartir Este Artigo

