A firma de telecomunicacións Telefónica, que xa é un dos referentes en servizos de telefonía móbil e fixa a nivel mundial, vén de presentar a súa nova Unidade Global de eHealth, así como unha estratexia no sector sanitario de seu, coa que tamén pretende converterse en referente e actor relevante da sanidade do futuro.
Trátase dunha iniciativa a partir da cal, mediante a creación de produtos e servizos de calidade baseados nas tecnoloxías da información e as comunicacións, pretende contribuir a un novo modelo de saúde máis sostible e eficiente co doente como “eixe central de todo o sistema”.
O acto de presentación tivo lugar no marco das I Xornadas de eHealth, celebradas en Madrid, e nel, Telefónica propúxolle ao sector sanitario “a descentralización dos procesos clínicos, a creación de redes para a integración dos servizos e o acceso remoto e ubicuo a estes”, o que permitirá, segundo informaron, “incrementar a eficiencia e modernizar o sector”.
Segundo o responsable de Telefónica, César Alierta, esta unidade global, que ten carácter transversal, xa conta con unidades locais en España, Europa e Latinoamérica, “formadas por profesionais que definen a estratexia e a planificación, o desenvolvemento de servizos e a súa industrialización, así como a operación e soporte, e a obter referencias en produtos, proxectos piloto e know-how”.
A telemedicina, a teleasistencia e unha maior integración das redes e dos procesos mediante as TIC, representan a oportunidade de optimizar recursos e presupostos, de mellorar a produtividade e establecer un sistema de cooperación eficaz entre centros e profesionais. Neste sentido, Telefónica participa actualmente en máis de 80 proxectos no ámbito da telemedicina e a teleasistencia nun total de 9 países.
No transcurso das xornadas, Telefónica mostrou os principais servizos en telemedicina e teleasistencia que vén de por en marcha con Cisco e Intel, e que xa se están a empregar en numerosos centros hospitalarios e áreas de sanidade dalgunhas Comunidades Autónomas.
Telefónica moderniza o sector sanitario coa súa unidade de saúde en liña
Compartir Este Artigo

