As grandes discográficas, con todo que xa se andou na Rede, semellan seguir na súa teima de afiar coitelos con respecto á descarga dos seus produtos protexidos. O dato, que en certa maneira era previsible, adquire unha nova dimensión se temos en conta o volume de beneficios reais que lle achega ao sector esta cruzada contra a Internet e as descargas de cancións e filmes con licenzas pechadas. Falamos, segundo se conta no blog Recording Industry vs People e reflicte ADSLZone, dunha cifra que anda a rentes dos 400.000 dólares (314.000 euros), cantidade que para calquera dos nosos lectores non estaría nada mal pero que para a gran industria discográfica non semella supoñer moita riqueza, e máis se temos en conta que gasta 16 millóns de dólares (12,5 millóns de euros) en perseguir a quen usa sen pagar dereitos os seus produtos.
Quen si que sae gañando de todo isto son os avogados que traballan nos bufetes aos que se lles encarga a devandita persecución e condena, a fin de contas os principais destinatarios deses 16 millóns, cantidade que é ben probable que tería mellor rendemento se fose dedicada a promover máis a música. Con todo, segundo os datos presentados pola industria, as cifras que se acadan son maiores cós anos anteriores, como por exemplo en 2007, ano no que se chegaron a gastar máis de 21 millóns.
A gran industria discográfica só recupera unha miúda parte do que inviste en perseguir as descargas
Compartir Este Artigo
