Acto de inaguración do curso, con Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios, no centro da imaxeA información nunca será a mesma logo das redes do coñecemento. Do mesmo xeito pero á inversa, tampouco poderá ser como era logo da chegada da crise, en boa maneira un estado de cousas motivado polo escaso coñecemento a tódolos niveis, económico, político e demais. Avaliar ata que punto se está a ver en perigo a liberdade de expresión nos medios comunicativos é un dos obxectivos do curso acabado de inaugurar en Pontevedra, actividade organizada pola UNED e Reporteiros Sen Fronteiras e que vén acompañada dun epígrafe expresivo: A crise e os medios de comunicación: Un perigo para a liberdade de información. O curso, que contou para a súa apertura coa presenza do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, está aberto a socios da organización e a estudantes en xeral. A actividade, patrocinada polo dito departamento da Xunta, ficará coas portas abertas ata este 16 de xullo, sendo o seu eixe temático a análise da profesión xornalística actual, ameazada nos seus fundamentos básicos por motivos económicos e tecnolóxicos. Reporteiros Sen Fronteiras, que achegou cinco bolsas co fin de cubrir os gastos de matrícula, apoia este curso no seguinte feito: a crise afoga aos medios dende os máis variados puntos de vista, facendo que pechen as súas portas, que diminúan os seus ingresos, que se incremente a precariedade laboral e que, polo tanto, se reduza a capacidade de expresarse abertamente, tanto acerca da empresa na que se traballa como dos intereses aos que sirve esa empresa. “Aínda que a crise dos medios ten, entre outros factores, as súas orixes nos cambios tecnolóxicos que mudan os hábitos de consumo da información, favorecidos polo gratuidade de Internet, viuse agravada pola caída da publicidade como consecuencia do baixón económico iniciado en 200/”, manifestan os organizadores do curso, que achegan en pdf unha relación detallada das intervencións.