Un dos últimos informes sobre os recursos hídricos no mundo levado a cabo pola ONU no 2009 indica que “o 67 por cento da poboación, é dicir, uns 5.000 millóns de persoas en todo o mundo, seguirán sen poder acceder a auga potable en 2030”; paradoxicamente, o mesmo número de persoas que na actualidade están aboadas a algún número de móbil e que usan este servizo de maneira habitual. A cifra dos 5.000 millóns de aboados superouse a pasada semana, e complétase con datos tan arrepientes como que en 2010 haberá máis de 50.000 millóns de dispositivos conectados e máis de 500 millóns de aboados 3G. Proseguindo con cifras que poñen a pel de galiña, que por certo foron achegadas por Sony Ericsson, cada día súmanse no mundo 2 millóns de aboados máis e iso é debido, en gran parte, a mercados emerxentes como a India ou China. Xa no ano 2000, do redor de 750 millóns de persoas en todo o mundo tiñan unha subscrición móbil, unha cantidade menor que o total de usuarios que ten China na actualidade, e que está moi lonxe dos 3.400 millóns de usuarios que en 2010 accederán a Internet dende o móbil. Din os especialistas que para uns é cuestión de conveniencia, mentres que para outros é unha necesidade. O certo é que a telefonía facilitou moitos eidos das nosas vidas nos últimos anos pero a dependencia deste servizo comeza a ser un problema para moita xente, que non pode prescindir dos seus móbiles nin para sentar a comer. Nos mercados máis maduros, segundo indica o informe, “é a conectividade entre dispositivos, máis que as persoas, o que está a incrementar o tráfico na Rede”, e dacordo coas previsións da compañía tecnolóxica, “acadaranse os 50.000 millóns de conexións nesta década”, moito antes de que se consiga levar auga potable ás rexións máis maltratadas pola pobreza.
Os aboados móbiles superan os 5.000 millóns
Compartir Este Artigo

