Na actualidade, moitas organizacións e empresas non dedican os suficientes recursos (financieiros e técnicos) nin o tempo suficiente para asegurar as súas aplicacións web na Rede, o que fai que os seus datos corporativos (o que se supón máis importante nunha empresa) sexan máis vulnerables do que gustaría agardar.
Tanto é así que preto de dous terzos das webs habilitadas en Internet teñen algún problema de seguridade que as fai correr riscos innecesarios e máis da metade das mesmas teñen fallos relacionados con perdas de información e alteración do seu contido.
Sen ir máis lonxe, os ataques conta as aplicacións web constituíron máis do 60 por cento dos ataques rexistrados en Internet en 2009 e durante o primeiro semestre de 2010 rexistráronse máis de 95.000 incidencias deste tipo en todo o mundo.
Segundo afirma o xerente da área de consultoría e tecnoloxía de NextVision Ibérica, unha empresa dedicada a minimizar os riscos dos “cibercrimes” en todo tipo de entidades, “os motivos que se agochan detrás deste tipo de accións son, normalmente, a diversión, a reivindicación política e incluso os retos persoais” porén, continúa, “cada vez son máis frecuentes os ataques que non só buscan causar dano á imaxe da empresa senón roubar información, manipulala e propagar códigos maliciosos”.
A solución a este tipo de ataques é, segundo Marcos Mato, “deixar de ver a información como un produto e entendela como un proceso, buscando a mellora continua da seguridade dos datos, e non tanto a das infraestruturas”.
Dende NextVision sinalan que é preciso “comprobar a seguridade informática de calquera aplicación web con certa periodicidade”, así como “avaliar os riscos e as vulnerabilidades das ferramentas en liña, para plantexar as solucións máis axeitadas no caso de ter sufrido algún ataque”.
Preto de dous terzos das webs da Rede están expostas a ataques informáticos
Compartir Este Artigo

