O Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís recibiu este ano os libros anuais dun total de 199.818 compañías españolas, o que equivale ao 16,5 por cento do tecido empresarial nacional, a través da plataforma de xestión documental do Servizo de Certificación de Rexistradores (SCR).
Isto significa que a porcentaxe de empresas que fixeron uso desta plataforma en liña desde a súa posta en marcha en 2004 incrementouse nun 37 por cento respecto ao periodo fiscal 2008-2009, unha cifra que manifesta a consolidación desta tecnoloxía entre o noso empresariado.
Ademais do envío de libros para legalización, cuxo prazo finalizou o 30 de abril, o vindeiro 30 de xullo finaliza o prazo para que as empresas envíen as súas contas anuais do ano 2009 para o seu depósito, esperándose que máis do 40 por cento das devanditas empresas usen Internet e a plataforma de SCR para facelas chegar ao rexistro mercantil que lle corresponda sen necesidade de facer colas. De feito, a estimación que está a barallar SCR en referencia ao uso do servizo é que “máis de 450.000 empresas usarán o portal electrónico para facer chegar as súas contas anuais”.
Segundo palabras de Arjan Sundardas, director xeral do Servizo de Certificación dos Rexistradores, este incremento “espectacular” de recepción de libros na maioría dos rexistros, “é unha mostra de que os empresarios españois cada vez coñecen mellor as ferramentas tecnolóxicas que os rexistros poñen ó seu alcance e son máis conscientes dos beneficios que o seu uso lles reporta”.
Os rexistros de Madrid, Valencia e Barcelona son os que máis libros recibiron no último periodo; Lanzarote é o único rexistro no que diminuíu o número de empresas que enviaron os seus libros e Vizcaia foi a cidade co maior índice de crecemento respecto ao 2009.
Preto da metade das empresas enviarán as súas contas ao rexistro mercantil por Internet
Compartir Este Artigo

