Co principal obxectivo de divulgar a ciencia e a tecnoloxía da maneira máis amena posible facendo que o público máis mozo da nosa xeografía se interese por ela, a Consellería de Economía e Industria vai apoiar a Semana da Ciencia deste ano en Galicia con 462.000 euros a repartir entre as universidades, centros tecnolóxicos e outras entidades relacionadas co Sistema Galego de I+D+i encargadas da realización das actividades desta edición.
O soporte a estas accións realizarase a través da convocatoria de axudas que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que subvencionará “accións que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2010, englobando así datas correspondentes á Semana da Ciencia, que este ano terá lugar do 8 ao 21 de novembro”.
Mediante esta liña de axudas, a Xunta quere apoiar o potencial divulgativo das entidades e organismos galegos vinculados á ciencia, á tecnoloxía e á innovación, financiando a organización e realización de actividades dirixidas a un público non especializado, para fomentar o achegamento da sociedade ao ámbito da I+D+i, con especial atención á xente nova.
Xa que logo, nesta edición da Diverciencia, ese evento deseñado especificamente para fomentar a cultura popular do coñecemento sobre a ciencia e a tecnoloxía no noso país, non faltarán as xa tradicionais actividades de divulgación científico-tecnolóxicas e de innovación, que virán da man de distintos organismos tales como universidades, centros tecnolóxicos ou entidades de investigación científica, entre outros.
A edición deste ano inclúe, asemade, a conmemoración do Ano Internacional da Biodiversidade, polo que aínda que a temática das actividades é totalmente aberta, prevese un especial número de iniciativas dedicadas a esta materia.
O prazo de recepción de solicitudes para participar na Diverciencia estará aberto ata o vindeiro 27 de agosto e as accións que se presenten á convocatoria deste ano deberán estar dirixidas a un público non especializado, ter un enfoque innovador e lúdico, fomentar a participación cidadá e ter carácter gratuíto e aberto a toda a sociedade.
Asemade, segundo informan dende a organización, “quedan expresamente excluídas da posibilidade de acceder a financiamento as conferencias, as xornadas de portas abertas e todas aquelas accións dirixidas a un público especializado”.
Os beneficiarios potenciais destas axudas son as universidades galegas; os centros tecnolóxicos; os organismos de investigación ou divulgación da ciencia dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración Xeral do Estado; as institucións sen ánimo de lucro con obxectivos relacionados coa investigación, o desenvolvemento tecnolóxico ou a difusión da cultura científica; e os organismos dependentes das entidades locais galegas que desenvolvan actividades de investigación ou divulgación da ciencia.
O financiamento das actividades pode chegar ata o 100 por cento dos gastos subvencionables, cun anticipo do 50 por cento no momento da concesión da axuda. Entre estes gastos poden incluírse os custos de persoal, o aluguer de equipos e aparellos e a súa adquisición no caso de que esta estea xustificada, os traballos ou servizos tecnolóxicos externos dedicados á acción, o material funxible e outros gastos derivados da execución da acción (sempre que non superen o 5% do custo total).
No proceso de avaliación valorarase o interese, a oportunidade e a orixinalidade da actividade, a implicación do público, a aplicación do principio de igualdade de xénero e o plan de difusión. Teranse tamén en conta a experiencia previa da entidade e das persoas que organizan a actividade, a adecuación do equipo de traballo e a coherencia do orzamento cos obxectivos expresados.
Para participar na convocatoria, as entidades interesadas deben descargar os formularios dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de I+D+i, no enderezo economiaeindustria.xunta.es. As solicitudes poderán presentarse en papel nos rexistros aceptados pola lexislación vixente ou poderán tramitarse electronicamente no rexistro telemático da Xunta de Galicia.
En marcha a vindeira edición da Diverciencia
Compartir Este Artigo

